top of page

Debuxos de plantas: Ciencia e Arte.

Nas ciencias naturais o debuxo sempre tivo unha importancia tremenda. No caso da botánica, as típicas láminas de plantas cos detalles das follas, flores e froitos non son só unha imaxe que a moitos nos parecen especialmente bonitas, senón que a miúdo son útiles ou case imprescindibles para a identificación das especies.


Aínda que conforme avanza o tempo cada vez é máis frecuente que as fotografías substitúan aos debuxos a pluma, segue sendo moi común atoparse con magníficas ilustracións que son herdeiras dun formato pictórico desenvolvido ao longo de varios séculos. O debuxo botánico é unha mestura de ciencia e arte. Con todo, por moi bo debuxante que sexa un, sen os coñecementos botánicos necesarios, o debuxo pode ser completamente inútil ao non mostrar os caracteres diagnósticos para poder identificar a planta, que vén sendo a finalidade da obra.


As láminas botánicas teñen un encanto especial. En primeiro lugar pola combinación natural-artificial de moitas láminas: a planta non se debuxa coma se estivese viva, senón que as súas partes a miúdo son dispostas de forma especial para que os caracteres sexan visibles, e ás veces hai diseccionados certos órganos aparte, é case como un prego de herbario (de feito moitas láminas debúxanse directamente a partir deles).


O punto de partida da ilustración botánica ten un vínculo directo cos tratados farmacolóxicos xa que durante a maior parte da historia as plantas eran a única fonte de medicamentos e o seu coñecemento e control era unha valiosísima información.


De Materia Médica (Περί ὕλης ἰατρικής) é o título do tratado do médico e botánico grego Dioscórides, que viviu en Cilicia (actual sur de Turquía) no século I d.C. Constaba de cinco volumes onde se describían até 600 especies de plantas medicinais, como recoñecelas, onde e cando atopalas. Non se conserva ningunha copia orixinal deste tratado, como é lóxico, pero sábese que contiña ilustracións das distintas especies.


O exemplar máis antigo que se conserva data do século VI e se coñece como O Dioscórides de Viena. En moitas das ilustracións pódese apreciar o ollo botánico do debuxante e a planta en cuestión é perfectamente identificable, aínda que é evidente que estamos nunha era pre-científica.



Moitos das limitacións destes debuxos debíanse ás limitacións técnicas da arte da época. Os artistas do renacemento revolucionaron as técnicas pictóricas e iso tamén terá consecuencias na ilustración das plantas. É aquí cando atopamos pintores que son capaces de debuxar as plantas con notable mestría, como Leonardo ou Durero. Un pintor que se cadra non é tan bo pero que tiña moito ollo naturalista é O Bosco; no Xardín das delicias, por exemplo, aparecen moitas especies de aves facilmente reconocibles, así como algunha de plantas.


A seguinte gran revolución para a ilustración botánica foi a imprenta xa que permitiu facer múltiples copias dun único debuxo correctamente executado mediante técnicas de gravado. Unha vez temos a imprenta e as técnicas modernas de debuxo, ábrese o camiño das láminas botánicas que tanto nos impresionan.



A verdadeira eclosión do debuxo vexetal tivo lugar en Eichstätt (Bavaria), onde no século XVII viviu un bispo e entusiasta botánico ao coidado dun dos xardíns máis ricos que había no mundo nese momento. Este señor encargou a Basilius Besler a tarefa de catalogar toda esa riqueza vexetal, e así naceu Hortus Eystettensis, a colosal obra que reúne máis de 1000 especies de plantas medicinais ou comestibles que habitaron algunha vez no devandito xardín, ordenados segundo as estacións do ano nas que florecían. Aínda que Besler foi o encargado da supervisión do proxecto, houbo moitos artistas implicados que facían bosquexos das plantas vivas (detalle moi importante) para despois convertelos en debuxos que se gravaban en ferros de cobre para imprimir en branco e negro (e colorearse despois). A maioría dos artistas implicados son descoñecidos, só transcendeu o dun tal Sebastian Schedel, todo un virtuoso.


A necesidade de contar con debuxos precisos e útiles de plantas adquiriu a súa magnitude definitiva. Comeza a idade de ouro da botánica e dos seus ilustradores con centos de plantas exóticas descubríndose a cada momento: era necesario describilas, clasificalas, caracterizalas e descubrir as súas posibles propiedades medicinais. Os exploradores percorrendo todos os recunchos do mundo enviaban especímenes a xardíns botánicos e universidades onde unha verdadeira explosión de retratistas vexetais foton os encargados de inmortalizalos.


O naturalista sueco Carlos Linneo (que estableceu os fundamentos para o esquema moderno da nomenclatura binomial), tivo como colaborador ao botánico e entomólogo alemán Georg Dyonysius Ehret. Cun talento fóra de serie para o debuxo, elaborou imaxes tan clásicas como o sistema de clasificación sexual das flores e ilustrou miles de láminas de floras de todo o mundo.



No mundo hispanofalante tamén houbo moi bos debuxantes de plantas. O botánico valenciano Antonio José de Cavanilles ilustrou as súas propias obras así como José Celestino Mutis, botánico, matemático e lingüista gaditano que viviu grande parte da súa vida en América, onde desenvolveu o seu traballo. Mutis encabezou a Real Expedición Botánica do Novo Reino de Granada cuxo obxectivo científico era a descrición da descoñecida flora dunha parte de América central e do sur. A expedición durou 33 anos, describíronse máis de 20.000 plantas e Mutis contou coa colaboración dunha trintena de verdadeiros artistas da botánica que souberon conxugar arte e ciencia en auténticas marabillas da ilustración botánica: 6.600 láminas de plantas, das cales máis de 3.000 son en cor.



Nikolaus Joseph von Jacquin, médico e botánico holandés que desenvolveu gran parte da súa actividade en Viena, visitou en varias expedicións a área do Caribe e inmortalizou moitas das súas plantas nunhas láminas impresionantes.


Dous dos mellores ilustradores botánicos eran irmáns, os austríacos Franz e Ferdinand Bauer. Franz acabou traballando no xardín botánico de Kew onde ilustrou obras impresionantes sobre orquídeas e fentos e deu leccións de debuxo científico a membros da realeza británica. Ferdinand Bauer formou parte da expedición de John Sibthorp ao oriente do Mediterráneo, a obra que resultou desta expedición, a Flora Graeca, conta con 1500 ilustracións que foron obra de Ferdinand e para moita xente rozan a perfección. Anos máis tarde viaxaría noutra expedición a Australia onde continuaría o seu labor.


Ernst Haeckel, biólogo alemán do século XIX entusiasmado polas formas dos organismos e as súas simetrías, foi tamén un gran ilustrador, aínda que os seus debuxos están demasiado idealizados e perden realismo. En canto ás ilustracións históricas da flora ibérica, ademais de Cavanilles destacou o alemán Heinrich Moritz Willkomm, autor da Flora Hispánica, que tamén ilustrou con moitísimo talento algunhas das nosas plantas máis idiosincrásicas.


Ao longo do século XX e o que levamos de XXI, a produción de floras de todo o mundo segue incrementándose e na maioría dos casos cóntase co traballo de ilustradores moi competentes, pero a beleza e o coidado dos debuxos dos séculos XVII a XIX deixou marca para sempre.

Featured Posts
Recent Posts
Search By Tags
No hay tags aún.
Follow Us
  • Facebook Classic
  • Twitter Classic
  • Google Classic
bottom of page