top of page

ENTREVISTAS

 

     Esta páxina recolle unha selección dos resultados das entrevistas realizadas polo alumnado. Ademais de nomes e usos das plantas, inclúense audios , vídeos e unha presentación.

TORMENTELO

Marta Juncal (1º B)

Información:

     Cando caía o pelo íase buscar a planta ao monte, fervíase, botábase na cabeza e xa non caía máis o pelo. Agora úsase como condimento nalgunhas comidas, pero antes non. É unha planta que medra no monte, pero na parte baixa, non no alto. Recóllese na menguante de agosto.

Cantiga:

Mociña dalá darriba,

con que peinabas o pelo?

Cunha herba que hai no monte,

que lle chaman tormentelo.

HERBA LUÍSA

Judit Pastoriza (3º A)

Información:

     Para uso medicinal, xa que cura problemas intestinais e de estómago. As follas secas férvense cinco ou dez minutos, déixanse repousar e posteriormente consúmense.

     A herba luísa úsase tamén, xunto con outras plantas, para facer a auga de San Xoán.

     Recóllese na menguante de agosto.

ROMERO

Paula Pena (3º B)

Información:

     Serve para as dores reumáticas, artrose, gastrite, etc. Hai que poñer en alcohol as follas do romero, déixanse repousar de 7 a 15 días e serve para dar masaxes no sitio onde che doe, é bo para a circulación. Pódese facer tamén con aceite de oliva, bótanse as ramas e déixanse repousar de 7 a 15 días. Tamén é bo para o fígado e para a tós. Pódese tomar en infusión, fervendo auga e botándolle unha culleriña das follas do romero, déixanse repousar uns 5 minutos.    

     Tamén se lle bota a certas comidas como á carne para darlle sabor.

     A planta do romero pode chegar a medir un metro e ten unhas flores azuladas.

NÉBODA

María Garrido (3º A)

Información:

     Úsase en infusións engadindo unhas cantas follas (que poden ser verdes ou secas) en auga fervendo, déixanse repousar uns minutos, cólanse e tómase quente. É moi dixestiva por iso se usa en malestares intestinais, dixestións pesadas, cólicos... Tamén axuda a expulsar o moco nas gripes ou catarros. Ten propiedades relaxantes. Úsase tamén cando che pica unha estruga, frotando a parte afectada cunhas cantas follas e así alivia o picor.

     Tamén ten usos alimenticios: para facer castañas cocidas, para as filloas de sangue, para o bolo do pote, para o rustido do bandullo, nas xoubas guisadas, para as filloas de fariña milla... e para bebidas: para infusións, licores, augardente de herbas e máis actualmente para os mojitos e caipiriñas.

     Miña avoa engadía unha ramiña na auga de San Xoán, xunto con outras herbas aromáticas e medicinais (ruda, choupo, loureiro, folla de figueira, fento rizo, malva-rosa, folla de viña, romero, fiúncho, herba de San Xoán, folla de limón, puensos, herba luísa e roseiras) que logo da noite de San Xoán se usaba para lavar a cara e despois deixábanse secar e colgábanse en ramiños na entrada da casa ou das cortes para así protexer do mal de ollo e da mala sorte á xente e aos animais durante todo o ano.

     Tamén se colocaban en bolsiñas de tea para perfumar armarios e caixóns onde se gardaba a roupa.

Please reload

As herbas de San Xoán

    Ademais dos nomes das distintas plantas e outros datos sobre elas, Ana Cortizo Moledo (3ºA) fixo un completo traballo de investigación no que incluíu fotografías, recolleu mostras que posteriormente prensou, rexistrou un audio da súa avoa e  da súa veciña explicando o seu uso e ata gravou un vídeo elaborando a auga de San Xoán.

Ligazón á presentación
sobre as herbas de San Xoán.

Infusión de Herba Luísa

Traballo realizado por:
Pedro Ferradás Rey (4º ESO A)

Entrevista a Víctor Domínguez Antas

Presidente da Asociación de Amigos das Embarcacións Tradicionais Os Galos, de Bueu.

Reporteiras:
Teresa Bernárdez, Andrea Cordeiro
Jennifer Freire e Iria Villanueva (1º ESO A)

     Víctor aceptou amablemente a proposta que lle fixemos desde o IES Illa de Ons e concedeunos unha entrevista con preguntas centradas nos tipos de madeiras utilizados na fabricación das embarcacións tradicionais.

     Víctor forma parte da asociación desde o seu inicio no ano 2000. Sempre lle gustaron os barcos e desde pequeno tivo contacto con eles.  O seu pai era vendedor na lonxa e cando os seus veciños botaban a rapeta diante da casa el estaba pendente desde a súa ventá para ir botarlles unha man.


     Comentounos que na actualidade xa non quedan carpinteiros da ribeira, e que para construír unha dorna ou embarcación sinxela hai que ir á Illa de Arousa ou ao Grove. Na ría de Vigo só queda unha carpintaría dedicada a isto en Meira, ”están en perigo de extinción”.
 

     En canto aos tipos de madeiras utilizadas, explicounos que para as partes máis duras das embarcacións (armazón, quilla, roda, codaste e as costelas ou cadernas) utilízase o carballo, pola súa tenacidade e consistencia. En cambio para a cubrición e os corredores utilízase o piñeiro do país, xa que é máis flexible e fácil de traballar. Esta madeira no mar ten un comportamento fantástico, aguanta moito tempo; con todo, á intemperie, coa chuvia e o sol, desfaise en ano e pico.

     Antes a madeira secábase dun xeito natural, deixábase un par de anos ao aire libre para que secara ao sol lentamente. Agora o secado é artificial, con vapor e  produtos químicos.
 

    Víctor comentounos tamén outros usos das madeiras e ensinounos algunhas pezas de buxo que talla con navalla.

© 2016 por Fitofaladoiro Ons. Creado con Wix.com

bottom of page